O Parlamento de Galicia acolleu hoxe unha Comisión de Medio Ambiente na que se debateu a situación da empresa e dos traballadores de Transportes Pacholo, que levan meses manifestándose. Javier Domínguez, presidente de Sogama, di que están “orgullosos de promover un transporte máis respetuoso co medio ambiente”. En canto ás protestas dos traballadores, Domínguez di que nin el nin a Xunta teñen responsabilidades nesta problemática.
Montse Prado, deputada polo BNG, explica que “a Xunta si que ten responsabilidades cos traballadores porque son contratos públicos”. Ademais, Prado enumera as causas polas que está habendo protestas, entre as que destaca a precariedade laboral e o mal estado do material de traballo.
O presidente de Sogama, sobre a precariedade laboral, cúbrese as espaldas achegando datos sobre os salarios dos traballadores. Porén, Patricia Vilán, deputada polo PSOE, ve insuficiente que o presidente relate datos e pídelle que faga públicos os informes: “se hai un investimento público, o control debe ser rigoroso. Non nos fiamos, e por iso queremos informes públicos”.
Pola súa parte, Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, pídelle a Javier Domínguez que reflexione e non acuse como culpables do problema aos traballadores. “Vostede, señor presidente, fala de incumprimentos por parte dos traballadores, pero non fala dos incumprimentos por parte da empresa”, di Antón Sánchez, e continúa: “A folga é un dereito, e as condicións dignas tamén. Vostede vende como privilexio esas condicións en lugar de falar delas coma o dereito que son”.
Gonzalo Trenor, deputado polo PP, fai un chamamento ao diálogo e aproveita para recriminarlle á oposición as accións que están a levar a cabo: “o que vostedes buscan é intoxicar e boicotear”.