Traballadores e traballadoras dos estaleiros Vulcano concentráronse diante do Parlamento galego logo de comezar unha marcha a pé o pasado martes desde Vigo. Ás 14:00 do venres 4, reúnense con Francisco Conde, conselleiro de Industria.
O persoal dos históricos estaleiros vigueses —actualmente en liquidación— esixe que a Xunta cumpra cos compromisos que adquiriu e consiga un investidor que manteña os postos de traballo e a actividade industrial: “somos 60 traballadores pero con actividade somos 1.000, perdemos a posibilidade de que toda esa xente traballe.”
O luns 7, os representantes das traballadoras están convocadas no xulgado para comunicarlles o expediente de extinción, pero para Sangabriel “isto non significa que deixemos de loitar por traballar alí.” Tamén incide en que a administración ten que ter un control dos cartos públicos cedidos ás empresas privadas: “Non se poden ceder eses cartos e non vixiar que fan con eles.
Sesé, traballador de Vulcano e ex-presidente do comité de empresa, lembrou a responsabilidade da Xunta, que vén de lonxe: “A Xunta sabía desde o minuto un que Factorías Vulcano non tiña dirección porque tivera un accidente o dono (Fernando Santodomingo) e non se ían contratar barcos”. E conclúe: “Non lles deu a gana de facer nada. Desde aquela ata hoxe só fixemos dous barcos.” Sesé tamén critica que fose Feijóo quen actuase como director comercial da factoría, por ser el quen decidiu onde se facían os famosos dous floteis de México: “O verdadero culpable da situación de Barreras é el.”
As traballadoras e traballadores tamén lembraron o potencial e a profesionalidade do naval galego e esixen unha solución para Vulcano, pero tamén para todo o sector.