Home Espazo Aberto Medio ambiente “A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx”

“A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx”

0
“A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx”

A rede Contraminacción acusa á Xunta de mentir aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en concreto refírese á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU.

De depósitos de lodos mineiros a “embalses hidroeléctricos”

En 1928 e 1939 as entón concesionarias mineiras construíron sobre o cauce do río San Fins dúas presas de decantación de lodos mineiros. En 1940, o Banco Pastor adquiriu a mina e as presas de residuos mineiros continuaron sendo utilizadas pola explotación, como evidencian os plans anuais de labores presentados ata o ano 2000. A falla dunha das comportas da presa maior, de 13 metros de altura e 50 de lonxitude, causou o que na altura se deu en chamar a “catástrofe de 1960”, feitos sobre os que en 2019 se estreou o documental de investigación ‘San Finx 1960’ de Irene Pin.

Despois de dous anos de investigación nos que se analizou a documentación existente, en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un ‘Informe sobre a titularidade das presas San Finx’ que indica que “se pode concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Por iso, afirma, a súa seguridade depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación.

As mentiras da Xunta

Nun informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior” mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que “o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”. Mesmo o Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia” feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”.