
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo hoxe a agardada reunión co presidente da Xunta, na que lle formulou cuestións temáticas sobre as grandes infrestruturas, políticas sociais e equipamentos. Ambos mandatarios calificaron a reunión de “cordial”.
Edar e Miramontes
O presidente da Xunta anunciou que o seu goberno mantén o compromiso coa depuradora malia que “teñen posturas diferentes” en relación ao seu emprazamento.
Martiño Noriega solicitou da Xunta máis implicación en relación ás denuncias polo vertedoiro de Miramontes. O propio Feijóo anunciou que “a Alcaldía de Santiago estará permanentemente informada sobre os pasos que dea a Administración autonómica, que non tolerará ningún delito medioambiental”.
Non ao aparcadoiro do Clinico
Feijóo anunciou que se está a traballar nunha ampliación do Hospital Clinico Universitario de Santiago mais negou a posibilidade de que a Xunta participe na cosntrución dun aparcadoiro tal e como lle solicitou o alcalde da cidade e para o que xa estaban previstos uns terreos.
O presidente da Xunta continuou co seu compromiso en negociar a futura Facultade de Medicina para o cal agarda ter pronto unha reunión co novo equipo de goberno da USC. Neste tema sinalou a implicación da Xunta en manter a Santiago e a súa facultade de Medicina como a única que imparta estes estudos no noso país.
Xacobeo 2021
Na reunión tamén se tratou o tema do Xacobeo 2021 no que o alcalde solicitou máis compromiso para impulsar o papel do Consorcio de cara a esta data.
O propio presidente da Xunta considerou o evento como “o máis importante para Santiago e para os galegos” e insistiu na idea de que estean rematadas as obras da catedral para esa data. Feijóo amosouse preocupado pola falta de financiamento para a restauración do interior do templo que debería realizarse nos vindeiros anos.
A Cidade da Raqueta
Outro dos propostas presentadas por Martiño Noriega a Núñez Feijóo foi a petición de impliación da Xunta na construción da Cidade da Raqueta, un equipamento que achegaría varios deportes relacionados coa raqueta á cidadanía e permitiría a celebración de eventos nela, pensada para ser localizada na contorna de San Lázaro.
O presidente da Xunta mostrouse receptivo e asegurou que analizaría o proxecto para “chegar a un acordo co Concello e coa Deputación da Coruña para que as tres administracións colaboren economicamente” nel.