Compostela amenceu hoxe outra vez con pintadas na contorna da catedral, desta vez máis de unha. Podíase ler na Praza do Obradoiro a mensaxe “yo no salí de tu costilla, tú saliste de mi coño“, e no Arco de Palacios “Guillotina Borbón“, “Machitos” e “gritaremos ata quedarnos sin Vox“.
As reparacións comezaron esta mesma mañá e algunhas das mensaxes xa están repintadas ou cubertas, pero a polémica segue. Fai menos dun ano pasaba algo similar nunha estatua centenaria tamén da Catedral, e aínda que poden ser motivos “máis ou menos xustos”, como explica o alcalde, “hai que perseguir aos responsables”. O Goberno local xa está a traballar coa Catedral e coa policía para darlle soluición.
A Xunta, pola súa banda, tamén se manifestou ao respecto, pedindo que se coloquen cámaras na Praza para evitar estas actuacións. O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, demandou ao Consorcio a instalación de videovixiancia, e comprometeuse a asumir o coste da instalación se o Goberno Local non o fai.
Martiño Noriega, en cambio, reforzou a súa posición de contrarrestar estes ataques ao patrimonio mediante o civismo e a concienciación social, e quixo lembrar que non recibiu aviso de Rodríguez e que se trata de políticas “desleais”. Tamén quixo facer referencia á gran forza do movemento feminista e ao “fraco favor” que lle fan estas actuacións.