Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a que resolva o “caos administrativo e de xestión“, que está a levar á paralización dos pagos dos fondos europeos do FEADER, do PDR de Galicia 2014-2020. O sindicato cifra en máis de 90 millóns de euros as débedas ás persoas que solicitaron os fondos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), que se levan sen cobrar dende o mes de novembro. “Esta mala práctica administrativa evidencia unha grave falta capacidade de xestión dos fondos europeos na Consellería do Medio Rural, e que está a perxudicar seriamente a agricultores, gandeiros, cooperativas, PEMES e mesmo autónomos do rural”, denuncia UU.AA. nun comunicado.

En concreto esta parálise está a afectar aos pagos que se adebedan en Medidas como a Incorporación de Mozos, os Plans de Mellora do Sector Lácteo, as medidas dos pagos Agroambientais e da Agricultura ecolóxica, ademais dos Grupos de Innovación, entre outros. O retraso nos pagos está a xerar problemas de financiamento nas explotacións e no circuito empresarial do rural galego, que están a sufrir en custes financeiros, en retrasos de pagos a provedores, e mesmo en regulación de emprego nos casos máis graves segnudo denuncia Unións Agrarias. Isto provocará unha queixa formal da organización agraria ante a Comisión Europea de non resolverse de inmediato nos vindeiros días.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 ten un orzamento total de 1186 millóns de euros para os 7 anos do período de programación da UE, dos cales o 75% os financia a propia UE a través do Fondo FEADER de Desenvolvemento Rural, sendo fundamental para a Cohesión Económica e Social do rural galego e para a modernización e adaptación dos sectores agrogandeiro e forestal.

Este fondo está a cargo de medidas tan importantes como as que corresponden á promoción das boas prácticas agrarias e medioambientais, a xestión forestal e a prevención de incendios, a modernización das explotacións agrarias, a agricultura ecolóxica e a incorporación de mozos, ademais dos pagos compensatorios ás zonas desfavorecidas e os fondos para o I+D do agro galego.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -