O ciclo de conferencias “Defensoras de dereitos” achegará a realidade de Nicaragua e Colombia da man de Georgina de los Ángeles Rivera e de Alicia Valencia Cuetia. Ningunha delas pode volver ao se país, de onde tiveron que fuxir. Agora empregan o seu tempo a denunciar a vulneración de dereitos e esta semana, fixérono en centros e institutos de Vilagarcía, Cuntis, Bueu, Marín, Nigrán, Combarro e Redondela.
Falamos con Georgina de los Ángeles Molina Rivera, que ata hai un ano traballaba en Nicaragua como terapeuta con mulleres vítimas de abuso sexual. En 2018, tras as mobilizacións contra o goberno de Ortega, foi ameazada e acusada de complicidade con supostos terroristas por levar auga e comida a un grupo que participaba nas mobilizacións. Por ese motivo tivo que fuxir do país: “As compañeiras que fixeron despois o mesmo ca min, levar auga e comida a unhas nais que estaban en protesta, agora están presas”.
Georgina tamén sufriu de violencia sexual cando era cativa, polo que participou nun programa con persoas afectadas. Chámalle a atención que no estado español sexa tan difícil atopar un programa similar ao que traballaba ela en Nicaragua.
Tamén fai unha curiosa analoxía entre a violencia sexual e a violencia política e lembra que hai anos, Daniel Ortega fora acusado de agresión sexual pola súa fillastra: “entón ninguén a creu a ela, pero agora que o presidente Ortega quitou a ‘careta’ (en referencia á represión do seu goberno), moita xente xa o ve tamén como un agresor sexual.”
Palestras na provincia de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra organiza as actividades “Defensoras de Dereitos” da man da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, da que forman parte 47 entidades con 23.000 persoas asociadas.