A Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA) fixo público este luns o seu “total rexeitamento” ás declaracións dadas por UTE Eyrega, a empresa xestora do vertedoiro de Miramontes, á La Voz de Galicia este sábado, 30 de maio. Na peza do xornal de Arteixo, a empresaba denunciaba que o incendio sufrido o pasado 25 de maio no vertedoiro foi intencionado e apuntaba á posibilidade de que propia Plataforma de Afectados polo Vertedoiro fora a autora do lume.
“A veciñanza do Rural de Santiago móstrase moi ofendida por esa acusación delituosa contra a súa honorabilidade”, apuntan dende FERUSA. “É impensable que unha poboación afectada gravemente por actuacións e xestións do vertedoiro provocaran unha acción de tal calibre”.
FERUSA, que representa a 19 das 21 asociacións veciñais do rural de Santiago, lembra que existen dúas querelas presentadas pola Fiscalía hai máis dun ano por un posible delito medioambiental no Complexo de Miramontes.