Home Espazo Aberto Medio ambiente A veciñanza de Touro chama á “unión das xentes do campo e do mar” para loitar xuntas contra Goliat

A veciñanza de Touro chama á “unión das xentes do campo e do mar” para loitar xuntas contra Goliat

0
A veciñanza de Touro chama á “unión das xentes do campo e do mar” para loitar xuntas contra Goliat

A Plataforma veciñal mina de Touro O- Pino NON celebrou esta pasada fin de semana un encontro na Casa da Cultura de Touro para avaliar os dous anos e medio de loita contra o proxecto da empresa Cobre San Rafael e reflexionar sobre o futuro. Nesa xuntanza, integrantes da Plataforma contra a mina de Touro, da Sociedade Galega de Historia Natural, da Plataforma pola defensa da Ría de Arousa e da asociación ecoloxista Adega reflexionaron en conxunto todo o sucedido dende que o 25 de agosto de 2017 se publicara no DOG o proxecto de reapertura da mina de Touro. “As xuntanzas, a preparación de alegacións, a necesidade de espallar os enormes impactos do proxecto, a presenza na rúa … agradecendo o apoio e empatía que recibimos da cidadanía e que quedou patente na enorme manifestación que encheu o Obradoiro o 10 de xuño de 2018”, destacan dende a Plataforma.

A complicidade institucional con respecto aos megaproxectos mineiros constituíu outro dos puntos a abordar. “Parece derivar cara unha desregularización feita a medida para que estes megaproxectos non atopen atrancos na súa tramitación”, sosteñen á vez que apuntan ao proxecto de Lei de Avaliación Ambiental que iniciou a súa tramitación hai apenas un mes. Outro aspecto central que se abordou na xuntanza foi a “necesidade de que dunha vez se aborde un proxecto serio de restauración dos terros da mina vella dos anos 70-80 que segue drenando a súa contaminación aos regatos da zona e que acaba no Ulla e na ría”.

Por último, apelouse á unión e á solidariedade a través da interacción con outras plataformas de defensa da terra “sendo sempre no fondo todos eles unha loita desigual, un David contra un Goliat, que fai máis que nunca preciso a empatía e o compañeirismo”. Neste senso, chaman á unión “entre as xentes do campo e do mar, un sector que soubo entender a dimensión do problema, a afección que lle suporía e fixo esta loita súa”. “Da reflexión conxunta só cabe tirar unha conclusión: xuntos somos máis fortes!”.