Home Programas Área Compostela A veciñanza de Miramontes leva ata a Fiscalía as súas queixas contra o vertedoiro descontrolado

A veciñanza de Miramontes leva ata a Fiscalía as súas queixas contra o vertedoiro descontrolado

0
A veciñanza de Miramontes leva ata a Fiscalía as súas queixas contra o vertedoiro descontrolado
Imaxe cedida

A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Miramontes presentou, a finais da semana pasada, unha denuncia na Fiscalía polas irregularidades na xestión dos residuos que se está a facer, tal e como lembran as e os afectados, na canteira de Miramontes. A partir de toda a información dispoñible, a Plataforma elaborou dous informes, un referido á planta de elaboración de tecnosolos e outro relativo ao vertedoiro, que entregaron ao Ministerio Fiscal para que valore se considera oportuno iniciar investigacións por un posible delito medioambiental.

Xuntanza con Sanidade

Por outra banda, membros da Plataforma e unha representante da Asociacións de Veciños do Rural de Santiago (Ferusa) tamén mantiveron recentemente unha xuntanza co subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, da Consellería de Sanidade, co fin de manifestar a preocupación da Plataforma polos posibles problemas para a saúde de traballadores e veciños que pode ocasionar (na actualidade e no futuro) a xestión dos residuos que se fai no Complexo Ambiental.

As e os afectados lembran que o risco para a saúde pode vir por varias vías: por unha banda, os vertidos e escorregas procedentes da planta de elaboración de tecnosolos que xa están pondo en perigo a calidade das augas e dos solos e, pola outra banda, a emisión de gases do vertedoiro, cuxa intensidade está aumentando co paso do tempo a xulgar polos continuos e insoportables cheiros e que tamén inflúe na calidade do aire que respira a poboación máis próxima ao vertedoiro descontrolado.

Desde a Plataforma indican que o Subdirector Xeral entendeu a preocupación dos veciños e comprometeuse a estudar o caso, comezando por solicitar información a todos os organismos implicados: desde Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a Augas de Galicia ou o propio Concello de Santiago.

Nova xuntanza con Martiño Noriega

Ademais, este vindeiro martes, está prevista unha xuntanza entre representantes da plataforma de afectados co alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o concelleiro Xan Duro, na que se tratarán as novidades respecto á problemática de Miramontes e se debaterán os seguintes pasos a dar.