Home Espazo Aberto Medio ambiente A veciñanza de Casalonga tomará as rúas de Compostela o 15 de marzo ante o silencio da Xunta

A veciñanza de Casalonga tomará as rúas de Compostela o 15 de marzo ante o silencio da Xunta

0
A veciñanza de Casalonga tomará as rúas de Compostela o 15 de marzo ante o silencio da Xunta

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca unha manifestación en Compostela para o 15 de marzo tras “a falta de respostas do goberno galego sobre o vertedoiro encuberto” no lugar. A veciñanza deste lugar do concello coruñes de Teo denuncia a existencia de máis de 1.000 alegacións ao informe ambiental do plan de restauración da canteira sen contestar, máis de 500 persoamentos no expediente sen resolver, unha caducidade mineira que debería ter suspendido cautelarmente á actividade da mina, a falta do resultado do informe ambiental, a ausencia de cambios lexislativos que protexan á cidadanía, os incumprimentos lexislativos continuos do vertedoiro de Miramontes e o recente caso do vertedoiro de Zaldibar, en Euskadi. Todos este son os motivos polos que a veciñanza de Casalonga chama ás galegas e galegos a manifestarse o domingo 15 de marzo en Compostela.

A manifestación tamén pretende dar a coñecer á cidadanía e aos diferentes partidos políticos a necesidade de cambios nas leis autonómicas e estatais que protexan a terra e á cidadanía, que non se poda restaurar canteiras encubrindo un vertedoiro. “Os vertedoiros teñen que estar nos lugares axeitados e cumprir coa normativa para que non ocurran desastres como o de Zaldibar”, sosteñen nun comunicado.

A plataforma sabe que en Galicia sería moi fácil que ocurrira un desastre desta magnitude pois non se está a cumprir coa legalidade. “Os exemplos que temos ao noso redor dinnos que ou nos movemos os cidadáns ou a redacción ambigua das leis e o incumprimento delas sempre beneficia aos mesmos” di unha veciña de Calo. A manifestación “Esiximos respostas!” será o domingo 15 de marzo ás 12h na Porta do Camiño e percorrerá as rúas de Santiago ata acabar na praza de Praterías.