A pasada semana, o Complexo Ambiental Miramontes publicaba en diversos medios de comunicación da cidade un comunicado onde afirma que os tecnosolos elaborados en Miramontes son “tecnosolos de calidade” e “inocuos”; algo que a propia Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático sempre puxo en dúbida.
A realidade, en todo caso, é teimuda. Nas inspeccións da administración pública, levadas a cabo tras as denuncias dos veciños, ficou sempre demostrado que a mestura que se elaboraba en Miramontes nin sequera ten a consideración de tecnosolo e que, polo tanto, o material depositado na canteira é un vertido de residuos. “Non houbo nunca unha analítica que dera positivo, non son tecnosolos” resaltou Santiago López, integrante da Plataforma de afectados polo vertedoiro descontrolado de Miramontes
A planta de elaboración de tecnosolos permanece pechada cautelarmente pola Xunta dende febreiro de 2018 e ditáronse dúas resolucións sancionadoras por incumprimentos da lei de residuos e da lei de prevención e control integrados da contaminación, cunhas sancións que suman un total de 195.000€ e a obriga de retirar todo o material depositado na canteira (que non ten a consideración de tecnosolo). As sancións foron recorridas pola empresa e o material contaminante segue depositado sobre o terreo.