Milagros Otero volve colocarse no centro mediático. Logo de que o Tribunal Supremo confirmase que a Valedora do Pobo abusou do seu poder por colocar irregularmente a unha irmá do voceiro parlamentario do PPdeG nun posto da institución, Otero reclama o incremento salarial do 0,25% sobre as súas retribucións en virtude da evolución do PIB en 2018.
No escrito que enviou á Mesa do Parlamento, divulgado polo grupo parlamentario de En Marea, Milagros Otero solicita este incremento a maiores do 2,25% que xa se lle aplicou a partir de xaneiro nas asignacións económicas no Real Decreto Lei 24/2018 de 21 de decembro polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público, conta cunha das retribucións máis altas do sector público en Galicia.
“Quedamos realmente perplexos con esta solicitude e parécenos unha vergoña”, sinalou a vicevoceira do Grupo Parlamentario En Marea Carmen Santos, “tendo en conta a súa controvertida xestión, que considere non só que non debe dimitir, senón que ademais reclame aínda máis diñeiro público, cando cobrou case 100 mil euros polas súas funcións”, suma dos 74.800 por salario, 11.000 euros en gastos de libre disposición y otros 11.000 en gastos de representación.