A USC homenaxea a María Victoria Moreno coa publicación dun “libro tributo”

A Universidade celebrou o Día das Letras Galegas nun multitudinario acto ao que asistiron rostros coñecidos do eido cultural

A protagonista do Día das Letras Galegas 2018 non naceu en Galicia, mais o seu recoñecemento é merecido debido á súa firme defensa da lingua. María Victoria Moreno, a cuarta muller homenaxeada un 17 de maio após Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño, copa a atención mediática da cultura galega durante estes días.

María Victoria Moreno e Galicia, unha “historia de amor”

María Victoria Moreno motivounos, contaxiounos co seu entusiasmo polas palabras, pola lectura, pola ensinanza, pola vida.

Por mor das súas achegas no eido da docencia, a USC decidiu este ano publicar un “libro tributo” á súa figura, cuxa edición foi coordinada pola filóloga Blanca-Ana Roig.A propia María Victoria Moreno definía a súa relación con Galicia e o galego como unha “historia de amor”. A prolífica autora asentouse no país con apenas 22 anos, en 1963, e, dende entón, comezou empregar a nosa lingua na súa vida como mestra.

Ao acto asistiron rostros coñecidos do eido cultural coma o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o actual titular, Víctor Freixanes, o reitor en funcións da Universidade, Juan Viaño, ou a concelleira de Acción Cultural no Concello de Santiago, Branca Novoneyra.

- Publicidade -