
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena á Universidade de Santiago de Compostela a indemnizar por extinción de contrato ao persoal predoutoral. Esta é unha das principais reivindicacións da Asemblea de Investigadoras da USC (AIC) que leva varias semanas mobilizándose a través da campaña dos #MartesNegros e #PorUnhaUSCDigna coa que, anuncian, “van continuar”.
A sentenza o TSXG nega que o contrato predoutoral -así definido no artigo 21 da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación- poida ser considerado un contrato formativo, pois afirma que “en modo algún pode equipararse ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación”.
“Hai que lembrar que alegar que son contratos formativos é unha das moitas escusas que o Equipo de Goberno da USC vén empregando para negarlle aos seus traballadores e traballadoras este e outros dereitos”, especifican nun comunicado a AIC.
A sentenza vén a raíz dunha demanda de conflito colectivo presentada por CCOO no ano 2017 contra a USC e admite recurso ante o Tribunal Supremo.