O vídeo dado a coñecer na tarde de onte do polémico Luciano Méndez no que pedía a absolución dos 5 da Manada e insinuaba que a vítica da violación debera estar presa, provocou a reacción esta mañá da propia Universidade. A USC vén de emitir un comunicado que reproducimos a continuación:
Comunicado diante das declaracións do profesor Luciano Méndez Naya
A Universidade de Santiago de Compostela condena as declaracións realizadas polo profesor Luciano Méndez Naya a través dun vídeo difundido nas redes sociais sobre o caso coñecido como “La Manada”.
Dentro dos límites e garantías do marco xurídico existente, e ante a alerta social creada, a USC está a estudar as actuacións que forman parte dos seus procedementos internos e a valorar a adopción das medidas correspondentes.
A USC, como institución dedicada á formación e á transmisión de valores, non pode tolerar actitudes ou actuacións que menoscaben a dignidade da persoas e os dereitos fundamentais, nomeadamente o da igualdade entre homes e mulleres.
O profesor, coñecido pola morea de polémicas provocadas nos últimos anos, publicou esta semana un repulsivo vídeo desde as súas redes sociais de máis de 12 minutos nos que analizaba a sentenza contra os 5 da Manada e pedía absolución e reclamaba medidas punitivas contra a vítima. O vídeo, que se viralizou na tarde de ontra trala denuncia pública de Nós Televisión, provocou unha unánime e inmediata reacción do movemento feminista e do estudantado da USC.