A USC acolleu hoxe un interesante evento sobre políticas públicas e violencia contra as mulleres dentro das II Xornadas de ‘Formación, educación, xénero e igualdade’ promovidas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (Cifex) na Facultade de Ciencias da Educación.
Na inauguración participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois González; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante; e Rita Radl, en calidade de directora do Cifex.
Igualdade recolle as peticións ao concello nas Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade da USC
Marta Lois explicou a Nós Televisión a importancia deste tipo de actividades para analizar e obter propostas que melloren a situación actual de inseguridade que viven moitas mulleres. “Recollimos ideas que valoraremos para implementar na nosa cidade”, asegurou.
O papel da educación
A coordinadora das xornada, Begoña López, sinalou que é “fundamental a formación de educadoras e educadores par erradicar a violencia contra as mulleres” e este é un dos obxectivos destas xornadas.
As xornadas foron seguidas con grande interese pola comunidade universitaria e nelas tratáronse temas como a prostitución como forma de violencia e as medidas e políticas no ámbito da Universidade referente á temática da violencia e ao acoso en función do xénero.