A unitaria da Luaña

O peche da escola unitaria da Luaña é o enésimo exemplo do desleixo co rural galego.

Lucía Forján, como agora seu fillo, estudou nesta escola. Daquela había moitos máis nenos e nenas, máis vida e máis servizos. Tamén hai un teleclube feito polas veciñas, agora pechado; unhas pistas e un parque que as administracións non quixeron coidar. Os únicos espazos cun futuro certo son a ermida e o cemiterio.

A escola xa non abrirá en setembro. E non é un caso illado. Desde 2005 pecharon máis de 200 unitarias no país. A Xunta alega que non hai nenos, mais leva anos enviando aos de parroquias veciñas ao colexio máis grande do concello, malia que a unitaria da Luaña está máis preto. Forján, da ANPA, teno claro: “o rural non é rentable, por iso a pechan”.

En xullo, os nenos e nenas matriculáronse con normalidade, pero só catro días despois das eleccións, comezaron os trámites do peche. Consellería e Dirección de Centros ‘pasan a pelota’. Mentres, as escolas do rural pechan por non teren alumnos e noutras a comunidade educativa di que hai moitos. As unitarias pechan e as aldeas, morren.