A Ultranoite, que acompaña á compañía teatral Chévere case dende o seu nacemento, chega á súa edición número 110. Un dos espectáculos máis recoñecidos polo público comeza hoxe a primeira das súas funcións (dun total de seis) no Auditorio da Ramallosa.
A comezos dos noventa, na compostelá Sala Nasa, o Grupo Chévere organizaba a primeira Ultranoite, nunha especie de mestura de diversos xéneros populares como o teatro de variedades, a revista ou o cabaré. Dende entón pasaron 24 anos e a Ultranoite segue en cartel, agora no concello de Teo, fiel á súa cita co público, converténdose nun espello deformante e, ás veces, máis real, do que pasa ao noso arredor.
A Ultranoite converteuse nun dos sinais de identidade do teatro en Galicia. Un lugar de encontro e colaboración para artistas, no que se xestaron amizades, relacións, espectáculos e, sobre todo, unha complicidade total cun público que non deixou de medrar durante máis de dúas décadas.
Entradas
Entradas adiantadas á venda en Redenasa.tv (internet), así como tamén en diversos establecementos: A Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo), Panadaría San José (Cacheiras) e bar El Muelle (Compostela). As entradas restantes poranse á venda na billeteira da sala unha hora antes do comezo da función.