A soberanía alimentar, fronte as grandes superficies, a Xunta e o Goberno

As administracións seguen a por trabas ás iniciativas agroecolóxicas, malia as esixencias de 600 organizacións e os problemas laborais nos grandes supermercados.

“En Galicia, das unha patada no chan e aparece un mercado con ovos, leitugas, pan… É unha opción accesible que está aí”. Estes mercados de alimentos de proximidade non poden abrir por mor do decreto do Goberno, argumento que aproveita a Xunta para xustificar que sigan pechados pechados malia a súa apertura noutros territorios. “Medio Rural di que llo prohibe o Goberno, pero nós cremos que se están pasando a pelota uns a outros. Ao mellor é que a Xunta non está exercendo competencias que ten”, explica Nela Abella, de Verdegaia, asociación que se dirixiu á Consellería.

Para Marcos Besada, do Espazo Agroecolóxico Estruga, este peche “non ten sentido”. Desde esta iniciativa asesoran a produtores e distribúen alimentos e en definitiva, buscan modelos produtivos alternativos desde o rural: “Intentamos xerar movemento de alimentos frescos (…) Tamén creamos un área de consumo responsable, con actividades e obradoiros”. Estas semanas, contan cun servizo a domicilio que chega a 80km á redonda de Xermade, tamén abastecendo a grupos de consumo.

Esa é outra das trabas cara estas iniciativas: os grupos de consumo non rexistrados como cooperativa non teñen permiso para circular ou ir coller alimentos. É o que lle pasa ao grupo no que participa Nela Abella en Ribeira: “É como quen vai buscar a droga”. De fondo, unha eiva é clara: “As medidas da Xunta e do goberno central están pensadas con corazón urbanita”. Para Marcos Besada, “cómpre darlle unha volta ao xeito no que vivimos.”

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego