Home Programas Espazo Aberto A Sociedade Galega de Historia Natural esixe medidas para a conservación das árbores senlleiras

A Sociedade Galega de Historia Natural esixe medidas para a conservación das árbores senlleiras

0
A Sociedade Galega de Historia Natural esixe medidas para a conservación das árbores senlleiras
Teixo dos Tenreiro en Pontedeume

En 2015, a Xunta licitaba a iluminación dos camiños do chamado ‘Bosque de Galicia’, un parque de sendas peatonais que une o barrio de Sar coa Cidade da Cultura. A Sociedade Galega de Historia Natural considera que a plantación do ‘Bosque de Galicia’ “pon claramente de manifesto a absoluta ignorancia do que é realmente un bosque.”

Teixo dos Tenreiro en Pontedeume

Ao tempo, o histórico teixo da Casa dos Tenreiro foi descatalogado tras anos de pasividade e afectacións como a construción da AP-9 nos anos 90 e a estrutura para rodear o teixo durante as obras de prolongación do Paseo Marítimo. En 2007 entra no catálogo, mais acelérase o seu declive. “Queda de manifesto a incompetencia e indiferencia dos políticos e técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza” denunciaba ao respecto en 2013 a SGHN. Malia informes técnicos, avisos de diversas entidades e tratamentos para recuperalo, o teixo acabou esmorecendo e foi descatalogado.

Serafín González: “Que en 13 anos de catálogo se perdan 11 exemplares é claramente preocupante”

Algo similar aconteceulle a outras dez árbores ou formacións senlleiras galegas descatalogadas (un 5,64% do total) pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en xuño. Entran nesta definición “reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.” As árbores dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras estarán -segundo o decreto de 2007- “protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade.”

No caso do Teixo dos Tenreiro de Pontedeume, a SGHN considera que se incumpriu a normativa, pois non se fixo plan de xestión para a súa conservación ou recuperación: “a quen se lle ocorre poñer as lousas de pedra a carón das raices da árbore?”, pon como exemplo Serafín González. O presidente da SGHN explica que é “claramente preocupante” que en 13 anos de catálogo se perdan 11 exemplares.

Desde o Decreto de 2007, a Xunta só fixo unha convocatoria de axudas para protexer as árbores e formacións senlleiras, no ano 2015; e a cantidade non chegou nin á terceira parte do que custou o alumeado do ‘Bosque de Galicia’.

Iluminación no ‘Bosque de Galicia’. Imaxe: Cidade da Cultura

A SGHN tamén piden que “se reformule o actual Comité de Árbores Senlleiras, substituíndo aos seus integrantes ao ser incapaces de dar cumprimento ás funcións legais encomendadas”. Serafín González, presidente da SGHN considera que o comité “ten que facer algo máis que trámites burocráticos; ten que haber un seguimento do estado desas árbores para garantir a súa conservación.”  Tamén esixen unha vinculación co Observatorio Galego da Biodiversidade.