A Selección Galega de Fútbol Gaélico ten apenas seis anos de vida e a última medalla que engaden á súa colección de vitorias é o bronce do Mundial de Fútbol Gaélico, celebrado hai dúas semanas en Irlanda. Para elas é un gran premio xa que a selección galega conta con 70 fichas mentres que outras coma a de Nova York, ademais de existir dende hai cen anos, conta con 1000 aproximadamente.
O último foi un mes de intensos adestramentos para acadar o nivel que requería o mundial. Hoxe, xa de volta, focalízanse xa en vindeiros campionatos para poder conseguir o ouro. As xogadoras do gaélico teñen tamén outros obxectivos en mente, coma o de darlle visibilidade a este deporte para que en Galicia tamén se xogue dende cativas, coma sucede noutros moitos países.