
A Ruta da Prata-Angrois, unha das probas máis tradicionais do Circuito de Carreiras saudables Corresan, chega este sábado a Compostela. Será a partir das 18 horas, cun percorrido de arredor de 5’2 quilómetros. A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou esta actividade no Pazo de Raxoi xunto ao Delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e o Presidente Asociación de Veciños de Angrois, Martín Rozas.
Desde a federación o seu presidente salientou a importancia que ten a colaboración veciñal na realización desta proba. Martín Rozas agradeceu esta afirmación e asegurou que “o barrio está volcado na carreira” para esta fin de semana.
“O barrio está volcado na carreira”

Para esta edición xa se chegaron ás 700 persoas subcritas e algo tivo que ver que confirmaran a súa participación atletas de primeiro nivel como Nuno Costa, Pedro Nimo e Amador Pena.
Varios percorridos
A proba ten previsto varios percorridos segundo a idade das persoas participantes. Na categoría escolar as cativas e cativos de escolares 1 teñen a saída as 18 horas e un percorrido de 1,2 quilómetros. Os escolares 2 terán a saída as 18:15 horas e percorrerán 2,4 quilómetros, e os adultos sairán a partir das 18:45 e terán un percorrido de 5’2 quilómetros.