Desde o pasado sábado está permitida a caza da rula común e do paspallás na Limia. Esta zona foi declarada ZEPA (Especial Protección para as Aves), unha categoría de protección de carácter europeo para áreas naturais de especial relevancia para a conservación das aves.
O 25 de xullo, a Comisión Europea urxía a tomar medidas para a protección da rula pola infracción da Directiva Aves. Segundo a comisión, o número de rulas no estado español baixou un 40% entre 2006 e 2016 e conclúe que a administración non tomou as medidas necesarias para protexelas, polo que inicia un procedemento de infracción. Malia todo isto, a Xunta permitiu a caza da rula, como fai desde hai anos na ZEPA da Limia.
A Sociedade Galega de Ornitoloxía, ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Hábitat, a SGHN e Verdegaia veñen denunciando a situación e informaron a distintas instancias. O comisario de Medio Ambiente da Unión Europea, Karmenu Vella, interesouse pola situación para completar o expediente sancionador e Ecoloxistas en Acción informou á fiscalía da posible comisión dun delito de vulneración do artigo 404 do Código penal.
Serafín González (SGHN): “Á Xunta non lle gusta tomar medidas que lle poidan crear conflito cos cazadores”
Sobre o risco de sanción para a administración, Serafín González, presidente da SGHN, afirma que a Xunta sempre mantivo o permiso de caza de especies ameazadas ata o último momento, como aconteceu coa pita do monte, que rematou por estinguirse: “A Xunta é moi reticente a tomar medidas de protección para especies de interese cinexético, porque aínda que cada vez hai menos cazadores, teñen moita capacidade de presión sobre a administración. Á Xunta non lle gusta tomar medidas que lle poidan crear conflito cos cazadores.”
Pola súa banda, a Federación Española de Caza afirmaba nun comunicado que a moratoria que formula a Comisión Europea, -isto é, prohibir temporalmente a caza da rula- poría en risco a especie e avoga por unha “caza sostible”.