A nosa cultura e a nosa lingua traspasan fronteiras e chegan ata o Xapón da man de Takekazu Asaka. Trátase dun tradutor que comezou a traballar na década dos 90 con obras de diversos escritores galegos para podelas levar ao Xapón. Hoxe presentou o seu último traballo: a tradución de “A rosa de cen follas”, de Ramón Cabanillas. O libro orixinal de Ramón Cabanillas viu a luz por primeira vez no 1927 e nel recompílanse diversos poemas que falan do amor xuvenil. Takekazu Asaka dedícalle esta tradución á súa muller.
A labor de Asaka non só une culturas e linguas moi diferentes e distantes, senón que “tamén é unha aproximación social, económica e incluso turística”, di Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.