
Galiza remataba o 2018 duplicando a media estatal de sinistros laborais mortais. A falta de coñecer a análise dos datos do 2019, a suba da sinistralidade laboral no noso país resulta evidente para todos os sindicatos. A Confederación Intersindical Galega (CIG), a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) e Comisións Obreiras vinculan a sinistralidade laboral coa precarización imposta polas últimas reformas laborais, que prometeu derrogar a nova ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Deste xeito, os sindicatos demandan a inmediata derrogación das reformas laborais aprobadas nas épocas Zapatero e Rajoy. Tanto á CIG como á CUT non lles vale as reformas parciais e amósanse cautelosas ante as promesas do novo goberno.
Últimos avances da ministra de Traballo
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegurou este mesmo xoves que a derrogación do artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores que permite o despedimento dunha traballadora por acumulación de baixas médicas aínda que estean xustificadas se levará a cabo. Iso si, polo de agora semella que haberá que agardar para ver derrogadas as dúas reformas laborais na súa totalidade. O que xa quedou aprobado é unha nova suba do salario mínimo interprofesional (SMI) a 950 euros con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro.