O sistema teórico da política galega ao redor do nacionalismo conta cun novo “think tank”, neste caso ao redor de Anova e a figura de Xosé Manuel Beiras. A súa presentación foi en Compostela, na Facultade de Filosofía da USC, nun acto no que tamén participaron, o ex deputado da CUP, David Fernàndez, e Antía Comesaña.
Este “laboratorio de ideas” estará formado por un equipo multidisciplinar, segundo explicaron no mesmo acto, e estará aberto á participación. O nome deste obradoiro vén da Declaración de Láncara, o discurso que Xosé Manuel Beiras realizou o 22 de outubro de 2005 e que sentaría as bases dos principios dun novo movemento político Galicia. Nela o líder de Anova fala de “ética democrática e ética de esquerdas. Fraternidade. Cooperación e non competición. República, democracia participativa, primacía dos dereitos colectivos, igualitarismo, autodeterminación cara á independencia, socialización, home novo/muller nova, nova cultura”.
Situación actual da esquerda
Antes de comezar o acto Xosé Manuel Beiras falou aos medios de comunicación da situación actual da esquerda e as dificultades que ten crear unha unidade popular. A crítica máis feroz foi en relación a que os sectores máis vulnerábeis da cidadanía son os que teñen que sair á rúa pola falta de acción da esquerda estatal.