Dicía o crítico alemán Oscar Schmitz que as illas Británicas eran unha “terra sen música”. Paul Daniel, director titular da Real Filharmonía de Galicia nado en Birmingham, proponse desmentir tal afirmación. A tempada de abono 2018/19 da orquestra galega ofrece, baixo o título ‘Arquipélago de sons’, un programa de 21 concertos baseado nunha selección de obras dos mellores compositores británicos.
A orquestra celebrará 21 concertos dentro da tempada de abono baixo o título ‘Arquipélago de sons’
Este novo curso, a Real Filharmonía fai unha forte aposta por “saír á rúa” e achegarse a diferentes puntos da cidade. En setembro, mes no que comezará a tempada no Auditorio de Galicia, haberá catro concertos de balde en Conxo, Fontiñas, a Praza Roxa e o Mercado de Abastos.
Tamén están programados seis concertos didácticos para escolares, co obxectivo de espertar a ilusión do público infantil pola música clásica. Por outra banda, Paul Daniel anunciou que a orquestra está a artellar un programa especial baseado na figura de Castelao de cara aos vindeiros meses.