O grupo parlamentario do BNG mantivo unha xuntanza con representantes do Comité Intercentros da CRTVG, para abordar as mudanzas substanciais que se producirán na grella da Radio Galega en setembro.
É consecuencia de instrumentalizar a CRTVG
A deputada Olalla Rodil considera que a supresión dos informativos locais é consecuencia da “instrumentalización política” que fai Núñez Feijóo cos medios de comunicación públicos. Na mesma liña apunta o presidente do comité, Raimundo Méndez, quen acusa ao actual Goberno galego de “desmantelar progresivamente” a CRTVG, que “custa” á cidadanía galega máis de cen millóns de euros ao ano.
Declaracións tamén no Pazo de Raxoi
A respecto desta cuestión manifestouse tamén a vicepresidenta da Deputación e concelleira en Santiago Goretti Sanmartín, quen considera “inadmisíbel” esta decisión. Sanmartín salienta que os medios públicos deberan facer un “esforzo” para ofrecer unha información “plural” e “veraz”, tamén a nivel local.
Con todo, a dirección da CRTVG insiste en que os trocos na grella aumentarán a presenza de información local e cultural, malia que o seu discurso semella cada vez máis insostíbel debido aos múltiples argumentos expostos dende a oposición.