A prostitución, a debate

As invisibles, son demasiadas. Nós Televisión conversa con catro mulleres de diversa índole para afrontar o necesario debate sobre a trata de persoas

Malia que a explotación sexual pode parecer algo alleo, unha desas cousas que se sabe que existen pero nunca pasan, a realidade toca moito máis preto do que se cre. A trata de persoas con fins de explotación sexual é o segundo negocio máis rentable no mundo, e estímase que 4,8 millóns de persoas son vítimas desta “escravitude moderna“, tal e como a chama a Organización Internacional do Traballo. As Nacións Unidas identifica o problema no noso país, que non é por ter un gran rol como punto de orixe ou tránsito, senón que resulta ser o lugar de destino de moitas redes de trata. En Galicia, o aeroporto de Vigo é un dos puntos con máis tránsito de vítimas de América do Sur de toda a península, dende onde se distribúen a toda a costa cantábrica, segundo datos da Xunta de Galicia.


As protagonistas da reportaxe:

Ana Viqueira, responsable da secretaría das mulleres da CUT

Veronika Arauzo, activista e colaboradora Unión Sindical do Traballo Sexual

Lorena Nieto, psicóloga do Programa Vagalume das Oblatas e Cáritas Diocesana de Santiago

Laura Bugalho, sindicalista da CIG e activista galega


O ano pasado foron rescatadas a nivel estatal 577 vítimas; o anterior, 591. Un número que se estima moito maior, tendo en conta que en España se contabilizan arredor de 100.000 prostitutas e a ONU calcula que unha de cada sete traballadoras sexuais en Europa exerce como vítima de trata. Vítimas captadas con promesas e con enganos, que son recluídas en contra da súa vontade mediante ameazas e incluso violencias ata que, se teñen sorte, son liberadas ou escapan. As que non, son asasinadas ou morren enfermas.

Falamos con Lorena Nieto, psícologa do programa Vagalume, orientado a axudar a vítimas de trata con fins de explotación sexual, que explica que cando estas mulleres chegan “atópanse cunha realidade de explotación brutal”. Contra o que se adoita pensar, “non ten porque haber cadeas nin violencia física, pero si psicolóxica e coacción”. A activista galega Laura Bugalho afirma que hai “moitísimos máis pisos de alterne dos que parece”, que son dos máis dificiles de detectar. Amais, en ningún, caso as vítimas coñecen as condición nas que van estar.

A trata tamén é unha violencia machista

A trata con fins de explotación sexual esta considerada a todos os niveis unha violencia de xénero. Dende a ONU ata a Xunta de Galicia, “ xa que a trata constitúe un negocio sexual baseado no corpo feminino como obxecto de consumo”.

A Entidade da ONU para a Igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller, expón os datos. A nivel mundial, un 51% das persoas adultas vítimas destas redes son mulleres, e tres de cada catro menores son nenas, o que suma un 71% de vítimas femininas. Isto sería tirando polo baixo, porque cando se fala das cifras da trata, ou do tráfico de calquera tipo,  non se poden considerar exactas. Hai un marxe de erro que vén dado coa condición de mercado somerxido, e diferentes organizacións contan con diferentes datos. A APRAMP, Asociación para a Prevención, Reinserción e Atención da Muller Prostituída, calcula que representan o 80% das vítimas do comercio sexual. A OIT estima que son o 99%.

O que é máis, hai que ter en conta que tanto os consumidores como vitimarios do traballo sexual acostuman a ser homes. Tamén é común a existencia de “madams”, mulleres que manteñen un rol activo nas redes de trata e adoitan ocupar papeis de captación ou organización nos burdeis e demais locais. Pero é necesario apuntar que a maioría destas mulleres entraron nese mundo como vítimas, e que lamentablemente soe ser a única (e mellor) saída laboral unha vez que se atopan nesta situación.

“Estamos nun sistema patriarcal, no que a prostitución ten base nunha posición de desigualdade total da muller que ten que cumplir coa suposta necesidade de impulso sexual incontrolable do home”, sinala Lorena. “A nosa experiencia é que todas as mulleres que chegan aquí, ven vulnerados os seus dereitos”.

A explotación sexual e a lei

Para falar da lexislación, hai que ter en conta que a explotación sexual vai da man da prostitución, e viceversa. Pártese da base de que hai prostitución forzada e prostitución non forzada, que é polo que exercer o traballo sexual en si non é ilegal. O “delito de prostitución”, tal e como se recolle no Código Penal, é obrigar a alguén a exercer ou manterse no traballo, é dicir, a explotación sexual. Perséguese ao proxeneta, e a prostituta é a víctima. Aínda así, dende 2015 unha prostituta pode ser multada por exercer en zonas transitadas por menores ou nas que supoña un perigo para a seguridade vial. Este artigo forma parte da famosa Lei Mordaza, ou Lei de Seguridade Cidadá, que tamén criminaliza ao cliente baixo as mesmas condicións. Ambas multas poden ascender a 30.000 euros.

A persecución dos consumidores de sexo pago non foi inventado en España. En 1999 Suecia foi unha pioneira e agora o cantidade de clientes ronda o 13% , que contrasta coa “cifra atipicamente alta” dos homes que consumen prostitución en España, o 39%.

Por outra banda, como explica Laura Bugalho, a outra cara desta lei é que agora as prostitutas, libres ou non, vense forzadas a traballar en clubes de alterne, hostais, pisos-burdel… lugares aínda máis inaccesibles para as autoridades e favorables para o “negocio”.

Bugalho tamén denuncia que a acción da policía non é todo efectiva que podería ser, e que “o que non pode ser é que cheguemos á policía da Coruña, que leven dous anos investigando unha rede e que aínda non fixeran nada”.

No caso das persoas estranxeiras sen papeis, todo é máis complicado. Tanto aquí coma no resto de Europa a maioría das vítimas son inmigrantes sen documentación, particularmente en Galicia calcúlase que o 90% das mulleres prostituídas son inmigrantes, principalmente de Romanía, Nixeria, Brasil e Colombia.

Automaticamente, a unha persoa sen papeis que entra en contacto coas autoridades iníciaselle un trámite de expulsión, pero a Lei de Estranxeiría sobre a “colaboración contra as redes organizadas” intenta dalgún xeito solucionar o problema. A estas vítimas “ilegais” dáselles a posibilidade de “cooperar e colaborar coas autoridades outorgando datos esenciais ou testificando” e así ter acceso a un permiso de residencia temporal, quedando exentos da acción administrativa que doutro xeito se efectuaría. Pero hai lagoas, como que se non demostra un delito, non hai motivo para tal concesión, e tampouco se a persoa non quere colaborar.

Explotación sexual e prostitución

É toda a prostitución explotación sexual? Este é un debate difícil, xa que ambas son parte da industria do sexo pero teñen unha natureza diferente, a presencia ou non de consentimento. Este debate soe ter as tres mesmas conclusións: abolición, prohibición ou regulación. A prohibición é doado de entender. A abolición non recoñece o traballo sexual como tal, nin para legalizalo nin para prohibilo, a prostitución serve a un sistema patriarcal no que a muller non é máis que un obxecto sexual. En cambio a regulación é o oposto, está a favor do recoñecemento legal da prostitución. Pero á vez, dentro hai diversas posturas. Máis alá da simple legalización do traballo, destaca a autorregulación, que ataca ao sistema de un “proxeneta controlando a moitas traballadoras”. En cambio, aposta pola construción dun “novo imaxinario” que outorgue autonomía á vez que seguridade ás persoas que se adican ao traballo sexual. Tal e como di Verónika Arauzo, activista e colaboradora da USTS, “todas estamos en contra da trata, pero negar o dereito dunha muller a autodefinirse e autoexplotarse é algo sobre o que deberiamos reflexionar ”

Un debate que no noso país aínda se abriu fai pouco, pero volveu quedar sen conclusión. Fai tres meses víamos como o sindicato OTRAS conseguía a legalidade igual de rápido que lla quitaban, cando en realidade xa existe a Asociación Nacional de Empresarios de Locais de Alterne (ANELA), sobre a que tamén houbo moita polémica na época pero aí segue, e moitos considérana a patronal que outros non querían que OTRAS fose.

Ana Viqueira, responsale da Secretaría de Mulleres da CUT, chama a atención sobre a necesidade de “recoñecer que as traballadoras sexuais son un suxeito político” e cando menos, di, “os sindicatos combativos” deben abordar este debate. Pola súa conta, Arauzo clama que o “dereito de sindicalización sexa para calquera traballo”, recoñecido ou non.

A fin de contas, é importante que todos nos fagamos ese debate interno. Que é machismo, o consumo de prostitución que outorga unha posición de poder, influencia directa do patriarcado? Ou a concepción de que a muller (nin o home) é o suficientemente capaz para decidir o que facer co seu corpo?

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego