A programación cultural tamén é para o rural

O Festival dos Eidos celebra a súa cuarta edición en catro parroquias de Folgoso do Courel, entre os días 22 e 26 de agosto

A Fundación Uxío Novoneyra artella a máis ambiciosa edición do Festival dos Eidos, un certame de literatura de recoñecemento internacional. Celebrarase do 22 ao 26 de agosto en Folgoso do Courel, localidade natal do poeta. Desta volta, as parroquias de Seoane, Parada, Moreda e Paderne contarán con cadanseu escenario dentro do circuíto do evento.

- Publicidade -

Poesía, música, teatro e danza

A lírica correrá a conta de poetisas coma Olga Novo, Teresa Moure, Xiana Arias, ou os irlandeses Paul Casey e Sue Cosgrave. No apartado musical, cómpre salientar ás bandas Baiuca, Atrás Tigre e Sumrrá, así como os DJ’s Tristón e Sergio Canay para pechar as veladas literarias. Participarán tamén no festival as compañías dramatúrxicas Teatro da Madeira e Fantoches Baj e, na danza, a xaponesa Hisako Horikawa. Trátase dun evento multidisciplinar e galego cunha indubidábel vocación internacional.

Arquivo: reportaxe do Festival dos Eidos (2015)

Este evento forma parte do proxecto europeo Litfest, unha asociación de festivais literarios desenvolvidos en territorios isolados, do que participan tamén as vilas de Salerno —Italia—, Madeira —Portugal—, Cork —Irlanda— e Voulmentin —Francia—. O obxectivo principal deste evento é pór en valor o medio rural galego e salientar O Courel como unha das capitais da literatura en Europa.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego