A precariedade como causa principal da baixada do paro

O 91,31 por cento dos contratos realizados no mes de abril foron temporais. O 58% das persoas desempregadas son mulleres

O mes de abril rematou con 166.226 persoas anotadas nas oficinas do SEPE en Galicia, constituíndo unha baixada do 2,70% con respecto ao mes anterior. A baixada do paro vincúlase coa Semana Santa que este ano se celebrou en abril mentres que en 2018 caeu en marzo. Precisamente, o sector servizos foi onde máis descendeu o paro representando o 72% dos 83.967 contratos realizados este mes en Galicia. Do total de contratos realizados en abril, o 91,31% foron temporais.

“Precariedade” e “estacionalidade”

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

As centrais sindicais, tanto a CIG como CCOO, vinculan a baixada do paro coa “precariedade” e a “estacionalidade” do emprego xerado. “Estamos novamente ante o efectos da estacionalidade na evolución do desemprego que, desta volta descendeu ao coincidir Semana Santa no mes de abril”, explica o secretario de Emprego da CIG, Fran Cartelle, para quen esa caída “vai ligada ás contratacións no sector servizos” que é, de feito, o sector onde se rexistra o maior decrecemento, cun 3,41 persoas paradas menos.

Dende CCOO sinalan que estes postos de traballo  veñen “con data de caducidade” e, ademais, “consolidan un modelo de crecemento baseado na precariedade”. Para a secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, “sen un mercado do traballo diversificado e con emprego de calidade, será imposible estender a cobertura social ás persoas que máis o precisan ou garantir o sistema público de pensións”.

Das 166.226 persoas desempregadas que hai en Galicia, o 58% son mulleres.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -