O presidente da Xunta anunciou este mércores unha proposta de decreto de lei para intentar presionar ao Ministerio de Facenda no ingreso dos 700 millóns de euros que adebeda a Galicia e que o Goberno español en funcións condiciona á investidura e aprobación dos orzamentos. Nesta liña, transcorreu a sesión parlamentaria fortemente marcada pola política estatal.

Fronte as preguntas das portavocías parlamentarias, Alberto Núñez Feijóo esforzouse en deixar a pelota no campo do PSOE de Pedro Sánchez no que semella que será a súa estratexia principal de cara as eleccións do 2020. No seu careo con Ana Pontón, o presidente da Xunta mesmo chamou ao BNG o “tonto útil” dos socialistas. A nacionalista reclamou un concerto económico para Galicia para non ter que depender do que suceda en Madrid.

Na mesma liña, Alberto Núñez Feijóo respondeu ao voceiro do Grupo Común da Esquerda que preguntaba polos programas de protección oficial da vivenda. Antón Sánchez botoulle en cara ao presidente da Xunta que apenas executase o Programa de Vivendas Baleiras.

Como era de esperar, a estratexia de ataque a Pedro Sánchez e a apelación á política española ascendeu na quenda do presidente do PSdeG. Gonzalo Caballero, que se estreaba nun Pleno, apelou ás recentes imputacións das populares madrileñas Cifuentes e Aguirre no caso Púnica. “Estivo vostede simpático”, respondeu Núñez Feijóo á súa intervención.

 

- Publicidade -