Non romanticemos a corentena. A poeta Arancha Nogueira insiste nesa idea cada vez que nos vai achegando ferramentas para sobrelevar da mellor forma posible o confinamento. Aproveita a ocasión para denunciar as perdas económicas que está a sufrir o sector cultural “que non se está paliando dende as institucións” e nomear as situacións de medo e ansiedade que poidan agromar nas persoas dentro dunha circunstancia violenta como é o confinamento nas casas.
“Se algo debemos sacar desta crise é a necesidade de tecer redes entre nós“, apunta e entra de cheo no mundo da escrita e, en concreto, da poesía que defende dende o latexo popular. “A escrita é un xeito de desafogar e de conectar con nós mesmas” relata Arancha Nogueira que reflexiona, propón e recita ante as cámaras de Nós Televisión.