Integrantes da ‘Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non’ reuníronse este luns cos grupos políticos con representación no concello de Compostela tras as últimas eleccións municipais. Os encontros tiveron lugar tanto con membros da actual corporación municipal, como a concelleira de Medio ambiente Mila Castro e a de Urbanismo Mercedes Rosón, como con Martiño Noriega de Compostela Aberta e con Goretti Sanmartín do BNG. “Confiamos en que o PP atenda a nosa solicitude de reunión nos vindeiros días”, sosteñen dende a Plataforma que publicaron un comunicado de agradecemento ós grupos aos que lle fixeron chegar de primeira man “as afeccións do proxecto, os impactos que, de saír adiante, tería na saúde, no medio natural, no patrimonio e no medio socioeconómico”. A Plataforma tamén tivo a oportunidade de facerlle chegar as súas demandas á ministra de Industria, que se atopaba na cidade.

O Concello de Compostela amosouse en contra deste proxecto mineiro que quere levar adiante a empresa Cobre San Rafael no pleno do 21 de decemebro de 2017 grazas ós votos de Compostela Aberta, o BNG e o PSOE. O PP abstivérase. “Tanto na anterior lexislatura coma nesta, os tres grupos que se posicionaron en contra representan a unha porcentaxe de poboación moi maioritaria. Esa empatía e solidaridade da cidade coa nosa loita tamén se puxo de manifesto na gran afluencia á manifestación do 10 de xuño do ano pasado, que logrou encher o Obradoiro. E recórdana cada día as pancartas que locen na entrada da Alameda e na Praza de Abastos”, destaca a Plataforma no comunicado no que tamén agradece o apoio popular co que contan.

- Publicidade -