Home Espazo Aberto Medio ambiente A Plataforma Nunca Máis chama a mobilizarse este venres en Ares ante o “despropósito” do goberno español

A Plataforma Nunca Máis chama a mobilizarse este venres en Ares ante o “despropósito” do goberno español

0
A Plataforma Nunca Máis chama a mobilizarse este venres en Ares ante o “despropósito” do goberno español

“O accidente do quimiqueiro ‘Blue Star’ na costa de Ares puxo máis unha vez en evidencia a situación de indefensión da costa galega e o auténtico despropósito na actuación do Goberno español, titular das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña”. Así encabeza a Plataforma Nunca Máis a nota de prensa enviada aos medios de comunicación.

O colectivo, nado hai dezasete anos a raíz do conflito ambiental e social causado polo ‘Prestige’, convoca unha nova mobilización. Desta volta, será en Ares o vindeiro venres 29 de novembro, xusto cando se cumpre unha semana do embarrancamento deste buque. A embarcación navegaba sen carga química no seu interior cando encallou, “non sabemos que tería ocorrido se se encontrase coa súa mercadoría a bordo”. En calquera caso, sinalan dende a Plataforma “resulta escandalosa a absoluta falta de información en que volve incorrer o Goberno español”. Apuntan ao descoñecemento sobre “cal foi a orixe do sinistro, chamada de socorro do buque (de existir), medidas adoptadas antes do embarrancamento, e as decisións tardías e contraditorias tomadas durante a xestión posterior”.

Por estas razóns, a Plataforma Nunca Máis fai un chamamento ás entidades do sector pesqueiro e marisqueiro e ao conxunto da sociedade a participar na mobilización convocada co obxectivo de forzar á administración pública española á adopción urxente as seguintes medidas:

1. Información pública, transparente e detallada, sobre a xestión do accidente. Desde a súa orixe até o momento actual.

2. Diálogo permenente coas entidades do sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectado (confrarías e agrupacións de Ares, Pontedeume, Miño, Sada, Lorbé e A Coruña).

3. As decisións relativas á protección do ecosistema mariño e da actividade produtiva pesqueira e marisqueira deben ser públicas, non vinculadas aos intereses privados de empresas de salvamento, da casa armadora, nin das aseguradoras. A xestión do “Blue Star” non pode ser un negocio.

4. Adopción das medidas precisas para evitar o derrame das 105 tns. de combustíbel do buque. Cautelarmente, instalación de barreiras anti-contaminación arredor do buque, e de skimmers e sistemas de bombeo desde o mar en caso de vertedura.

5. Garantir a dotación de medios, sistemas e protocolos de control de calquera incidente marítimo que se poida producir na ría de Ares.

6. Transferencia á Galiza das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.