Home Programas Espazo Aberto A Plataforma Mina de Touro NON denuncia a “asimetría” no trato que a Xunta dá á empresa e á veciñanza

A Plataforma Mina de Touro NON denuncia a “asimetría” no trato que a Xunta dá á empresa e á veciñanza

0
A Plataforma Mina de Touro NON denuncia a “asimetría” no trato que a Xunta dá á empresa e á veciñanza

A Plataforma veciñal mina Touro – O Pino NON denuncia nun comunicado as “continuas prórrogas” á empresa Cobre San Rafael á hora de achegarlle documentación á Administración con respecto ao proxecto mineiro. A crítica céntrase, especialmente, na diferenza de trato que consideran que a Xunta outorga á empresa e á veciñanza que só dispuxo dun mes para presentar alegacións a un proxecto “presentado en pleno verán e composto dunha extensísima documentación”.

“Unha documentación farragosa, reiterativa, contendo información contraditoria entre os distintos anexos”

A mediados de 2018, tanto os informes sectoriais elaborados pola Xunta como dende diversos colectivos e particulares sinalaron as carencias de documentación e os impactos sociais e ambientais que tería o proxecto de saír adiante. Tal foi que en xullo de 2018 o conselleiro de Economía, Francisco Conde, chegou a soster que o proxecto “tal como está presentado, non é viable”.

A empresa volveu achegar nova documentación sen ningún cambio significativo, “mesmo espazo temporal, número de cortas, superficie afectada, método de extracción, cantidade de material a remover e mineral a extraer, tratamento das augas, desvío de regatos, balsas de estériles, sistema de impermeabilización, plan de restauración….. Unha documentación farragosa, reiterativa, contendo información contraditoria entre os distintos anexos, que seguía sen achegar toda a documentación que lle foi requerida pola Administración e sen aportar luz nos puntos escuros”, denuncian dende a Plataforma.

No comunicado, lamentan este bucle e pregúntanse “canto tempo se vai extender este tramitación administrativa no que está en xogo o modo de vida de tanta xente? Cantos documentos máis cheos de palabrería e baleiros de contido son necesarios? Por que esa enorme asimetría entre o tratamento que está a recibir a empresa e os veciños por parte da Administración ?”. Polo de agora, as preguntas non obtiveron a súa resposta.