A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa lanzou este martes un comunicado na que anuncia que tomará todas as medidas legais e mobilizacións sociais necesarias para parar o proxecto de descarga de 330.000 metros cúbicos de lodos procedentes da futura dragaxe da Ría de Pontevedra a dúas millas da Illa de Sálvora, autorizado por Portos de Galicia. A decisión tomada por este organismo dependente da Consellería do Mar afectaría directamente a esta illa que forma parte do Parque Nacional de las Illas Atlánticas.
No comunicado, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa explica que se reuniron onte para “debater e acordar medidas urxentes en relación ao proxecto de vertido na bocana da ría de Arousa”. “En primer lugar queremos agradecerlle aos medios de comunicación que nos informaran da existencia deste proxecto da Xunta de Galicia, porque nin os sectores produtivos nin a PDRA tiñan coñecemento del, o que amosa -unha vez máis- a falta de transparencia e de información aos afectados por parte de quen nos goberna”, indican.
En segundo lugar, subliñan a unanimidade no “rexeitamento ao vertido ao mar” e, en terceiro lugar, “acordamos dirixir un escrito á Conselleira do Mar, da que depende Portos de Galicia, trasladando ese rexeitamento rotundo ao vertido e solicitando o acceso ao expediente administrativo para coñecer os detalles técnicos e a caracterización deses lodos e, tamén, demandarlle copia dos estudos -se os teñen- sobre o impacto no medio mariño dos vertidos realizados na boca da ría e solicitarlle unha entrevista da PDRA coa conselleira”.
Tamén dirixirán un escrito ao Delegado do Goberno en Galicia “para transmitirlle o rexeitamento da ría de Arousa á existencia dese punto de vertido, fixado no seu día polo goberno central e para demandarlle a súa clausura inmediata e que se nos dea traslado dos estudos -no caso de existir- realizados sobre o seguimento do impacto ocasionado polos máis de 5 millóns de metros cúbicos alí depositados e tamén solicitarlle unha entrevista da PDRA co Delegado do Goberno”. Ademais, decidiron trasladar á opinión pública a “vontade de levar adiante todas as medidas legais e de mobilización social que estean na nosa man para impedir este atentado contra a nosa ría”.
Datos sobre a ría de Arousa
Na ría de Arousa traballan o 44% das mariscadoras/es a pé, mais do 41% das embarcacións de artes menores e o 68,7% das bateas de mexillón de Galicia. Nas lonxas arousáns (2016) poxáronse 38.329.584 kg de produtos da pesca e do marisqueo que se traduciron en 91.301.357 euros. E nas augas de Arousa colleitáronse 174.497.538 kg de mexillón (máis 70% do mexillón producido en Galicia), cun valor de 77.999.843 euros.
A frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia. De feito o sector primario do mar en Arousa é un sector estratéxico na economía dos nosos pobos e vilas pola riqueza e emprego que induce ademais en diversas actividades en terra.