Home Espazo Aberto Medio ambiente A plataforma de Casalonga forza a apertura dun expediente de caducidade

A plataforma de Casalonga forza a apertura dun expediente de caducidade

0
A plataforma de Casalonga forza a apertura dun expediente de caducidade

O pasado 8 de agosto, a Xunta informaba á Plataforma Casalonga Limpa de Residuos da aprobación dos plans de Toysal e do baleirado da lagoa.

A Plataforma non puido participar desa decisión unilateral da administración, mais reaccionou rápido. Nesa mesma reunión esixiron “por enésima vez” a apertura dun expediente de caducidade: “Esixímolo porque alí non había actividade os prazos xa venceran hai tempo; eles recoñeceron que si, polo que lles esiximos que actuaran”, apuntan desde a plataforma. A resposta da Xunta foi afirmativa, pero días despois comunicábanlle que non podería persoarse no proceso, polo que desconfiaban.

Hoxe, ao ler as noticias da apertura do expediente, levaron “unha alegría”: “A Xunta actuou porque a puxemos contra as cordas, porque eles xa tiñan que ter aberto este expediente de caducidade hai tempo”, explican desde a plataforma, que recoñece o seu propio mérito: “Que sentido ten aprobar os plans da empresa e abrir este expediente? Foi por que nos llo esiximos e porque se non sería prevariación por omitir funcións.”

Malia esta pequena vitoria, lembran que todavía queda moito por facer, pois a aprobación dos plans da empresa e esta apertura de expediente son procesos paralelos: “A empresa pode alegar, e se gaña, todo isto irá para diante, pero é unha porta aberta para nós”.

Cos dous procesos abertos en paralelo, toca mudar a loita veciñal. O día 12 de setembro, os veciños e veciñas reuniranse para ver como facer alegacións individuais, logo de que a Xunta impedise á plataforma comparecer como parte do proceso. Chaman ademáis a facer unha “personación masiva e entregar milleiros de alegacións antes do 21 de setembro”. Esta vez agosto non foi suficiente para evitar que a cidadanía se armase, mais desde a plataforma insisten unha e outra vez: “Seguimos en loita”.