A Plataforma de Afectados pola Hepatite C recorrerá o arquivo da causa: “Reafirmámonos na nosa opinión”

O voceiro da Plataforma, Quique Costas, sostén que as razóns do xuíz "non se corresponden co que se viu evidenciando" durante o proceso xudicial

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C anuncia o recorremento do auto emitido polo titular do xulgado de instrucción nº 3 de Compostela, Andrés Lago Louro, no que decreta o sobreseimento provisional da causa aberta hai 3 anos e 8 meses para investigar a morte de pacientes e o retraso na dispensación dos tratamentos médicos para a hepatite C. Segundo as integrantes da Plataforma, as razóns que alega o xuíz Lago Louro “non se corresponden co que se viu evidenciando no transcurso do procedemento aberto no xulgado”. O voceiro da Plataforma, Quique Costas, sinala que “o coñecemento de determinados feitos e documentos que tivemos no transcurso deste proceso reafírmanos na nosa opinión de que as cousas non se fixeron como deberan”.

Neste contexto, e a falta dunha lectura do auto polo miúdo, a Plataforma sostén que “se basea exclusivamente nalgunhas testemuñas e informes, mentres que non se teñen en conta outros que resultan abertamente cuestionadores de como se actuou desde o SERGAS”. Ao mesmo tempo, consideran que os feitos que figuran na denuncia presentada pola Fiscalía o 30 de novembro de 2018 e á que que se adheriron como acusación “non foron no substancial desacreditados”. Por iso, a Plataforma anuncia a súa intención de presentar recurso contra este auto de arquivo provisional.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego