A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON anuncia que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto nos concellos coruñeses de Touro e O Pino, promovida por Cobre San Rafael, sairá este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG). O colectivo denuncia que esta información non lle chegase a través da Xunta, como se podería agardar, senón da Presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Dolors Montserrat. A que un día formou parte do executivo de Mariano Rajoy tamén informou ás asociacións Cova Crea e Petón do Lobo, as tres iniciadoras das peticións sobre a mina de Touro que se baseaban no dano provocado nas augas subterráneas e superficiais ademais do risco que conlevaría unha nova explotación nuns terreos aínda sen restaurar.
As tres peticións rexistradas, e debatidas na Comisión de Peticións en novembro de 2019, permanecen abertas ao nesmo tempo que a decisión de enviar unha delegación europea que analice e avalía no propio lugar os danos causados pola explotación mineira de hai máis de 30 anos e pola actividade das empresas que se ubicaron despois nos terreos da antiga mina.
Desde a Plataforma Veciñal lembra que a contorna da mina “segue a supoñer unha vulneración da Directiva Marco Europea da Auga e da Directiva Europea sobre Xestión de Residuos de Industrias Extractivas, producíndose, máis de 30 anos despois do peche dunha explotación, drenaxes ácidas. Ademáis, a DIA negativa pon en evidencia como a situación pon en risco unha Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000”.
Por tanto, a plataforma non só solicitará que se manteñan abertas as súas peticións senón que insistirá na necesidade dunha visita promovida por Europa formada por un equipo experto que inspeccione a mina de Touro e outras minas galegas “onde se evidencia a vulneración sistemática destas directivas”.