Home Espazo Aberto Medio ambiente A Plataforma contra a mina de Touro, Cova Crea e Petón do Lobo viaxan a Bruxelas para que a UE “tome cartas no asunto”

A Plataforma contra a mina de Touro, Cova Crea e Petón do Lobo viaxan a Bruxelas para que a UE “tome cartas no asunto”

0
A Plataforma contra a mina de Touro, Cova Crea e Petón do Lobo viaxan a Bruxelas para que a UE “tome cartas no asunto”

Integrantes da rede Contraminación, entre as que se atopa a Plataforma veciñal Mina de Touro – O Pino NON, viaxaron hoxe a Bruxelas xa que mañá comparecerán ante o Parlamento Europeo. En concreto, defenderán ante a Comisión de Peticións as súas reclamacións sobre o proxecto de extracción de cobre a ceo aberto que actualmente tramita a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento.

En segundo lugar, cuestionarase a restauración do territorio afectado pola antiga explotación, pechada fai máis de trinta anos, en particular o dano causado á calidade das augas tras o seu paso pola mina. Ademais, abordarase a afectación a explotacións agrarias beneficiarias da Política Agraria Común (PAC), dado que a actividade mineira podería afectar aos acuíferos e as balsas poderían ser perigosas para explotacións leiteiras lindeiras.

“Se nin en máis de dous anos de tramitación do novo proxecto extractivo, nin en máis de trinta desde o cesamento na actividade mineira, as autoridades galegas e españolas non souberon ou non quixeron poñerlle remedio a unha situación xa insustentable de grave dano ao medio ambiente, terá que ser a Unión Europea quen tome cartas no asunto“, sostén nun comunicado enviado á prensa a Plataforma veciñal contra a mina de Touro. “Por este motivo, as persoas encargadas de defender mañá as peticións, insistirán en que estas permanezan abertas e que, dado que estamos ante un caso sistémico, igual que o das minas de San Finx en Lousame ou moitas outras ao longo da nosa xeografía, o Parlamento Europeo envíe unha “Fact Finding Visit” ou visita de investigación a Galicia, para poder inspeccionar in situ a situación de deixamento na que a nosa Administración tennos sumidos”.