A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos vén de reunirse co Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que lles prometeu que non se vai a facer un vertedoiro en Casalonga. Porén, a Plataforma non cre que a vontade de Toysal, a empresa que xestiona o proxecto, sexa a de explotar a canteira porque “está esgotada de recursos dende hai tempo”.
Dende a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, Norma Pillado pide unha reforma das leis para que non só a Xunta e a empresa teñan voz senón tamén os veciños. Asegura que a lei debe cambiar porque hai que “protexer a terra e aos habitantes en lugar da economía das empresas”.
O Director Xeral de Minas tamén promete a contratación dunha empresa para que exerza un control e vixilancia sobre o terreo para evitar que acabe sendo un vertedoiro. A Plataforma non ten confianza nesta promesa xa que é un contrato que fai a propia Toysal e non cren que a empresa contratada vaia cumprir con ese obxectivo.
Por outra parte, cabe destacar que Tahoces foi imputado recentemente por un presunto delito de prevaricación ambiental: a reapertura da mina de San Finx, en Lousame, onde se investigan varias actuacións irregulares.