A patronal do xogo presencial reuniuse no Gaiás nun encontro “pola competitividade” do sector. Ao tempo, activistas da Central Unitaria de Traballadores/as participaron dun escracho á entrada dos empresarios e asistentes, no que simularon xogos como a ruleta da fortuna cunha faixa que dicía: “a vosa riqueza é a nosa miseria.”
Tralo escracho, omitido nos discursos iniciais, o presidente de AGEO Serafín Portas dedicouse a repetir unha e outra vez que non existe un problema co xogo en Galicia: “somos unha industria modélica en regulación que aposta pola innovación e o ocio individual en liberdade.”
Tamén criticou a lexislación que prepara a Xunta, que sería “perigosa”: “en vez de ser para o sector, vai contra o sector”. Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior, defende que a lei da Xunta é necesaria, pois a última regulación é de 1985 e o contexto social cambiou radicalmente dende entón.
Villanueva quixo deixar claro que a lei só regula o xogo presencial (competencia autonómica), pero que non pode facer nada coa modalidade online (competencia estatal) ou co xogo público. O director xeral de Emerxencias e Interior pediu harmonizar as regulacións dos diferentes tipos de xogo.
Ademais, a patronal do sector presentou un estudo sobre a situación do xogo que sitúa Galicia como unha das catro comunidades con menos salas de xogo por habitante. O estudo, do que dixeron “será a nosa biblia”, foi encargado e pagado pola propia patronal.
No acto houbo mesas redondas con diferentes empresarios e xornalistas do sector, que se situaron de xeito repetido como “vítimas dunha alarma social inxustificada” e mesmo como “chivo expiatorio da incapacidade política”, aludindo unha e outra vez á riqueza e ao emprego que xera o xogo privado. Para Serafín Portas, “corren tempos nos que parece que temos que agochar a cabeza, e non, non o imos facer.” A premisa era clara e xeralizada: “Non hai ningún problema co xogo en Galicia.”