Existen dous nomes propios que representan a orixe do Día do Orgullo e a milleiros de persoas que aínda loitan hoxe en día por ter visibilidade este e o resto dos días do ano. Marsha P. Johnson e Sylvia Rivera foron dúas das activistas que formaron parte dos disturbios de Stonewall o 28 de xuño de 1969 que fixo posible a celebración do Orgullo LGTBI. Ambas mantiveron en todo momento un discurso especialmente crítico cos que se negaban a abandonar os seus privilexios de varón, branco e de clase media.
A policía de Nova Iorque dirixía a cotío operacións policiais máis contra as persoas máis excluídas da comunidade LGTBI: as mulleres trans, os mozos con pluma, os e as traballadoras sexuais, os gais en prisión, as racializadas, as drags queens, persoas sen teito… Sylvia Rivera e Marsha P. Johnson representaban ás mulleres trans, drag-queen, racializadas e traballadoras sexuais. Ambas amigas formarían STAR, Street Transvestite Action Revolutionaries, unha organización a través da que as máis excluídas formaban redes de apoio e axuda entre elas.
O pub Stonewall, no Greenwich Village, era unha das zonas nas que se movía a comunidade LGTBI e, como consecuencia, unha diana de represión policial. A redada do 28 de xuño tería un final diferente. A resposta da comunidade LGTBI cobrou forma de disturbios, manifestacións tan espontáneas como violentas que foi unindo ás persoas que se saían do esquema heteronormativo e derivando na constitución de organizacións e colectivos LGTBI. A unión da loita, da supervivencia, e do orgullo da propia identidade levaron a que o 28 de xuño de 1970 tiveran luagr as primeiras marchas do Orgullo. Tres anos despois, Sylvia Rivera falaría nunha manifestación sendo especialmente crítica cos gais brancos de clase media que non estaban prestando axuda nin atención ás súas irmás, duramente reprimidas pola policía.