A oposición pide a Feijóo “reformas claras” en materia de Igualdade

BNG, PSdeG e En Marea instan á Xunta a abandonar a súa "retórica" e pasar "das promesas aos feitos"

- Publicidade -

O éxito das mobilizacións do pasado 8 de marzo aínda retumba nas paredes do Parlamento. A folga feminista foi apoiada por tódolos partidos representados na Cámara agás o PP, que mantivo un duro discurso de rexeitamento ao considerar que o importante é “traballar pola Igualdade tódolos días do ano”.

O éxito da folga feminista centrou a xornada no Parlamento Galego

Este luns, as deputadas do BNG Olalla Rodil e Noa Presas instaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a “escoitar” o “clamor social” das rúas e impulsar “medidas concretas” contra a discriminación que transcendan dos “cambios cosméticos” da súa Administración.

O Goberno galego desvía atención

Na mesma liña apuntou o voceiro do PsdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen lamenta que o Goberno galego “desvíe” a atención no tocante ás reformas a prol da igualdade e faga “oposición aos propios partidos da oposición”. O líder socialista asegura que, ante a “retórica baleira” de Feijóo, a súa formación manterá a igualdade e a inclusión “no centro da axenda mediática”.

As prioridades da Marea

Pola súa banda, o grupo parlamentario de En Marea levará tamén ao Hemiciclo unha batería de iniciativas para combater a desigualdade entre homes e mulleres. Entre as prioridades da coalición dirixida por Luís Villares atópase garantir a asistencia psicolóxica ás vítimas de maltrato ou rematar coa segregación por sexos nos centros educativos.

Susana López Abella e Miguel Tellado centran as críticas do movemento feminista e dos grupos da oposición

Tampouco faltaron as críticas á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen acusou aos partidos da oposición de non presentar iniciativas plenarias en materia de Igualdade. A deputada nacionalista Noa Presas desmente a López Abella, lamentando ademais que non tivese comparecido ante a Cámara para dar conta dos asuntos da súa área.