A oposición culpa a Feijóo da “falta de solucións” ante a histórica folga da Xustiza

O paro convocado polos traballadores e traballadoras hai máis de dous meses provocou a suspensión de máis de 20.000 procesos xudiciais

- Publicidade -

O pasado 7 de febreiro, as e os traballadores da Xustiza galega iniciaban unha folga indefinida co obxectivo de que a Xunta mellorase as súas “precarias” condicións laborais. Dous meses despois, os xulgados seguen paralizados e máis de 20.000 causas foron suspendidas.

Pontón: “Feijóo ten que abandonar o castelo e negociar a pé de rúa cos sindicatos”

Este luns, o BNG instaba a Feijóo a “abandonar o castelo” e negociar “a pé de rúa” cos sindicatos. Moi semellante foi o discurso do voceiro de En Marea, Luís Villares, quen acusa ao presidente galego de “non dar a cara” ante unha das folgas máis longas “da historia de Galicia”. Así e todo, o PSdeG mantén a liña crítica dos demais partidos da oposición e considera que este conflito evidencia unha sensación de “orfandade” e “desleixo” provocadas pola “incapacidade” da Xunta de negociar con este colectivo.

Reunión entre a Xunta e os sindicatos

Pola súa banda, o PP mantén que a Xunta está a facer “todo o posible” para atopar unha solución ao conflito. O voceiro do grupo, Pedro Puy, confía en que a xuntanza cos sindicatos prevista para esta semana axude a “resolver” esta situación e pór fin á folga.