Home Programas Espazo Aberto A oposición denuncia a censura da vestimenta na CRTVG

A oposición denuncia a censura da vestimenta na CRTVG

0
A oposición denuncia a censura da vestimenta na CRTVG

Os partidos da oposición acusan ao Director Xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia de “manipulación e censura” de contidos neste medio público. Por unha parte, bótanlle en cara a censura da vestimenta de traballadores e traballadoras, e incluso das persoas entrevistadas, por saír en pantalla con prendas de roupa coa mensaxe “Defende a galega”, unha protesta que comezou hai case un ano e que colle forma todos os venres, nos chamados Venres Negros.

Por outra parte, a oposición tamén transmite as súas queixas a Sánchez Izquierdo por non emitir información algunha sobre os premios José Couso de Libredade de Prensa. Denuncian que a dirección da CRTVG decidiu “censuralo” porque a galardoada este ano foi a iniciativa ‘Defende a Galega’.

O Director Xeral da corporación responde a estas queixas dicindo que “os traballadores e traballadoras son a imaxe da CRTVG” e que “non poden usar o privilexio de saír en pantalla para lanzar mensaxes sobre ideas persoais”. “O servizo público de comunicación de Galicia ten que estar por enriba dos intereses persoais”, di Sánchez Izquierdo.

En Marea tamén acusa ao director da corporación de non atender as solicitudes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e, polo tanto, de non darlle cobertura e difusión á Gala dos Premios María Casares. “É moito máis que descortesía, é un factor máis de incumprimento da lei”, di Ánxeles Cuña, deputada do Parlamento de Galicia por En Marea.