A ONU, vixiante polas vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galicia

Representantes da Mesa recordáronlle a un relator especial da ONU que o Estado español e a Xunta de Galiza deben garantir o principio de que os dereitos lingüísticos son dereitos humanos

Mesa pola Normalización Lingüística presentoulle a finais da pasada semana a Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, unha serie de evidencias sobre as vulneracións dos dereitos lingüísticos da poboación galega que se están producindo en diversos eidos como a educación, a xustiza, a administración ou no consumo e que, como denuncia desde A Mesa, están promovidos ou consentidos polo Estado e pola Xunta.

No seu informe preliminar, que ven de ser publicado na web das Nacións Unidas, De Varennes salienta que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais, sempre e cando sexa razoábel e xustificado, segundo a proporción da poboación que o fale localmente, pero isto segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

É a primeira vez na historia que un representante da ONU vén ao noso país para avaliar a situación dos dereitos lingüísticos da cidadanía. Este feito é, para A Mesa, un ·éxito da mobilización social a prol do galego·. Neste sentido, Marcos Maceira, presidente da entidade salienta que “é máis fácil falar da situación do galego cun representante da ONU que co presidente da Xunta” e denuncia que iso “é un déficit democrático que debe ser corrixido”.

En definitiva, malia os importantes pasos alcanzados a nivel internacional, desde A Mesa fan un chamamento para que continúa a mobilización social en defensa do noso idioma

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego