A obra de Virxilio Viéitez volve a Soutelo de Montes

As rúas de Soutelo de Montes espertarán cubertas de decenas de fotografías do mais influinte retratista galego dez anos despois do seu pasamento

Con motivo da rodaxe do documental: “Virxilio, Formas de orbitar ao redor de Virxilio Viéitez”, Nós Televisión montará o vindeiro 14 de agosto unha exposición, con preto de corenta fotografías do fotógrafo Virxilio Viéitez, nas rúas de Soutelo de Montes, vila natal do fotógrafo.

As fotografías cedidas pola súa filla Keta Viéitez, unha das protagonistas do documental e peza clave no descubrimento da obra de Viéitez, ficarán integradas nas fachadas das casas dos veciños e veciñas da Praza da Constitución e a rúa Real de Soutelo durante toda a xornada.

O evento pretende facer partícipes do documental aos veciños e veciñas da vila, moitos deles protagonistas nos retratos de Viéitez.

Kiko Da Silva

O documental

A longametraxe documental, que comenzou a filmarse en decembro do ano 2016 co gallo da visita da exposición da Fundación Telefónica con mais de 250 fotografías do fotógrafo soutelán a Pontevedra, conta coa participación do historietista vigués Kiko da Silva e os seus alumnos da escola de banda deseñada “O Garaxe Hermético” ou a propia Keta Viéitez.

O filme documental, que se atopa en fase de gravación, narra secuencias filmadas na cidade de Pontevedra, Soutelo de Montes e na cidade francesa de Séte; onde un conxunto de 15 fotografías do autor expúxose xunto ás de Alberto García-Álix, Chema Madoz ou Cristina García Rodero nunha selección da galería VU no festival fotográfico Images Singulières.

Debuxo dun alumno do Garaxe Hermético

Quen foi Virxilio Viéitez?

Virxilio Viéitez foi un fotógrafo galego nado en Soutelo de Montes, Concello de Forcarei, no ano 1930. O oficio de fotógrafo e o manexo da cámara aprendeuno sendo empregado do fotógrafo Pallí, en Palamós (Girona), onde chegou emigrado dende Galicia. Neste período comezou a facer algúns traballos dirixidos en La Vanguardia, alén de retratos aos turistas da Costa Brava.

No ano 1955 Virxilio Viéitez reemprende o seu traballo fotográfico xa en Soutelo. Merca un coche e móvese de voda en voda. En pouco tempo convértese no fotógrafo máis solicitado para reportaxes de cerimonias, vodas, retratos, preitos, funerais e bautizos, documentando coa súa cámara os momentos máis importantes na vida das persoas e familias da súa contorna.

A principios dos anos sesenta, cando se impón a obrigatoriedade do carné de identidade, desprázase na súa motocicleta por toda a comarca para realizar os retratos de carné.

A simplicidade

Lévao a cabo cunha gran simplicidade de medios, empregando como telón de fondo un simple pano branco.

O fotógrafo de Soutelo de Montes conseguiu retratar a realidade dunha comarca, a súa, coma ninguén o fixo en moito tempo, un verdadeiro tratado sobre a emigración, a pobreza ou a morte. Virxilio chegou a ser recoñecido en vida, expoñendo a súa obra en cidades como París ou Amsterdam. Faleceu na mesma vila na que naceu o 15 de xullo de 2008.

Keta Viéitez, filla de Virxilio

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego